O obxectivo desta presentación, dirixida polo chef Xoán Crujeiras e organizada polo Concello de Narón, é difundir a idoneidade deste vexetal na preparación de pratos innovadores.
Co fin de achegar aos profesionais da gastronomía e ao público en xeral as cualidades excepcionais do Pemento do Couto, recoñecida coa Indicacion Xeográfica Protexida, o Concello de Narón en colaboración co chef Xoán Crujeiras (Grupo Nove), celebrou un showcooking en Bido Restaurante no que se presentaron varias elaboracións a base deste vexetal.
O acto contou cos medios de comunicación, blogueiros e expertos gastronómicos convidados, así como con Pablo Villamar, concelleiro de Promoción Económica de Narón, e José Manuel Castro Leirachá, director xerente da Cooperativa do Campo Galego O Val-Narón, entidade que aglutina aos produtores que cultivan esta hortaliza, ante os que o chef Xoán Crujeiras (propietario do establecemento) amosou o uso do Pemento do Couto na cociña de vangarda, cunha demostración culinaria en tempo real.
Entre as creacións que se presentaron están “Pisco Sour con Pemento do Couto”, un cóctel preparado con pisco (un tipo de augardente de uvas típico de Chile e Perú) e zume de limón. A denominación provén da unión das palabras «pisco» e «sour» (en referencia á familia de cócteles que utilizan limón como parte da súa receita); tamén haberá “Vieira marinada e granizado de Pemento do Couto e cilantro”, entre outras delicias.