Ofrecer a mellor imaxe posible do sector, dotando aos profesionais dos coñecementos teóricos e prácticos necesarios para ampliar a oferta gastronómica dos seus establecementos, incluíndo os excelentes produtos da ría, é o principal obxectivo do Obradoiro ‘PRODUTOS DA RÍA: MARISCOS’ que organiza a Concellaría de Promoción Económica do Concello de Narón, dentro das accións previstas polo Club Narón Gastronómico.

O obradoiro abranguerá 3 horas de formación nunha sesión de 17.30 a 20.30 horas o martes 10 de xullo, no Centro de Formación Irmás Froilaz, no Polígono da Gándara e será impartido por Miguel A. Campos, presidente do Grupo Nove, cociñeiro e propietario do restaurante A Gabeira, establecemento con 1 Sol Repsol e incluído na prestixiosa Guía Michelin entre os Bib Gourmand 2018.

O obradoiro persegue mellorar a calidade gastronómica dos negocios de restauración, modernizar a cociña local, promover a especialización na elaboración de determinadas receitas con mariscos da ría por parte de cada un dos establecementos participantes e asesoralos de cara á inclusión destas e outras propostas semellantes nos seus menús, enriquecendo a súa carta


  • Organiza: Concello de Narón

  • Relator: Miguel A. Campos (cociñeiro)

  • Datas e lugar: 10 de xullo en horario de 17.30 a 20.30 h - Centro de Formación Irmáns Froilaz (Polígono da Gándara)

  • Contidos: Creacións con Ameixa Rubia, Ostra Salvaxe, Zamburiña, Carneiro e Mincha (mínimo 2 receitas con cada especie):
      - Ameixa rubia con salsa cantonesa
      - Carneiro con escuma de cítrico
      - Ostra con apio, mazá de Betanzos e vermut
      - Zamburiñas en diferentes elaboracións
      - Guarnición de Mincha


  • Obxectivo:

    - Dotar aos responsables das cociñas de recursos teóricos e prácticos para axustar os tempos de cocción, ampliar as posibilidades da inclusión das especies da ría nas súas cartas e menús, con receitas que poñan en valor a súa calidade e sabor.

    - Fomentar a gastronomía saudable, a cociña fresca, de produto, de proximidade, os bos hábitos alimenticios e o consumo dos excelentes produtos que a ría nos ofrece.